Praza pública Blogs
Hoxe en Praza:

. . ............. ........... .......................... .

  1. Bo vento

    A loita polo ascenso foi moi ben nesta fin de semana para os galegos, a pesar das derrotas de Alondras e Deportivo mailo empate do Pontevedra o resto dos equipos gañaron.
    Quen mellor o ten é o Ourense, derrotou en Ellakuri por un 1-3 ó rochoso e case imbatible Laudio. Resultado moi sorprendente para quen coñeza ós vascos e non mirara o encontro. Pero a verdade é que os ourensáns fixeron un bo partido moi ben prantados atrás e cun fútbol moi directo onde Eder erixiuse coma o home do partido. Anotou dous dos tres goles e puido facer máis. Con este resultado é moi complicado que non haxa festa de ascenso a semana que vén no Couto para os locais.
    O Alondras caeu en Cayón. O bo foi que foi pola mínima (aínda que non puido anotar fóra) e que os cántabros non fixeron nada en todo o encontro. Un erro defensivo do Alondras propiciou a única ocasión dos locais e o único gol do partido. A partir de aí, os do Morrazo estreláronse co autobús montado na porteria rival. Todo queda para a volta onde o Alondras ten que facer valer no marcador que é un equipo superior.
    O Cerceda gañou por 0-2 no campo de herba artificial do Cuarte. O encontro non tivo moita historia máis alá dos goles. Os zaragozanos tentaron frear o xogo dos galegos pero o Cerceda foi superior ós maños. Para a videoteca queda o gol dende corenta metros que anotou Xaco. Eliminatoria moi ben posta para os coruñeses que xa están case na seguinte rolda.
    O Lugo apañou un bo resultado no Anxo Carro fronte o Éibar, un gol de Belencoso tras un clamoroso erro da defensa armera fixo xustiza no marcador. Os vascos xogaron con defensa de cinco esperando ós lucenses á contra. Os locais, sempre co balón, fixeron o partido seu e só a falta de acerto evitou gañar por máis. Este resultado é moi bo sobre todo se vemos que en todo a Liga os guipuscuanos só acadaron dous resultados cos que gañarían esta eliminatoria (2-0 e 4-0). O Éibar é un club que lle custa moitísimo anotar. Veremos que acontece en Ipurúa.
    O Pontevedra enfrontábase a un difícil rival que visitaba Pasarón: o Espanyol B. Finalmente o resultado foi 0-0 e, a pesar de non ser malo de todo por iso de non encaixar, pode ser unha renda insuficiente para a dura visita a Sant Adrià. O Pontevedra foi a polo encontro pero acusou a falta de pegada. Igual que o Espanyol que tamén tivo boas ocasións para anotar.

    No tocante a Segunda, coa que nos centraremos abondo esta semana por mor doutra xornada entre semana, temos cara e cruz. Gañou o Celta 4-0 ó Alcoyano e perdeu o Dépor por 3-2.

    Os vigueses non tiveron o seu mellor día pero enfronte apenas houbo rival. Moitísima superioridade dos celestes que ata se permitiron ter unha pájara que quizais contra outros rivais podería custarlles moito. Adiantouse moi cedo o Celta, no minuto un por medio de Álex López de potente disparo. Antes de ir o descanso xa ían 2-0 gracias a unha gran finalización de Aspas que xa suma vinte goles (vinte e un se lle deran o gol do 1-0 fronte o Cartagena). No segundo tempo, outros dous goles sen excesivo esforzo: repetiría Álex e Orellana faría o cuarto nunha gran mostra da súa calidade. Vitoria abultada do Celta nun partido sen moito brillo pero ante un rival nulo en ataque e lento en defensa.
    O Deportivo tamén tivo un mal día, aínda así nunca estivo fóra do partido e tamén anotou, como xa ven sendo costume, nos primeiros minutos. Volveu a ser Lassad no minuto ‘9 pero xa no ‘2 anotara Maldonado polo Xerez. Lassad remontaría no ‘52 e parecia que o Dépor ía rexurdir e que as pezas comezaban a funcionar pero nada diso. Seguiu errático e lento e os locais volverían a adiantarse gracias ós goles de Mendoza e Maldonado. Finalmente 3-2 e un Dépor que ve como se lle aproximan Celta e Valladolid, que agora están a catro puntos.
    Pasado mañá, mércores, xoga o Celta en Balaídos fronte o Xerez e o Deportivo visita ó recén descendido Nástic de Tarragona. Os vigueses xogan ás 20.00 e os coruñeses ás 22.00. Aquí estaremos para contalo.

    Para rematar, só dicir que El Olivo perdeu 3-1 en Huelva nun intrascendente encontro para os intereses das viguesas, que xa están descendidas. Para a seguinte xornada, será a última, recibirán ás mallorquinas da UD Collerense.

     
    Comments