O Bradford City, da League Two inglesa (algo parecido á Terceira aquí, a cuarta categoría), acaba de clasificarse para a final da copa (League Cup) en Inglaterra. En España ver algo así, debido o teledirixido e oligárquico sistema de copa, antóllase practicamente imposible. Aínda que os ingleses xa teñen a FA Cup para mesteres semellantes. Aquí, con tal panorama, ós nosos só lles queda a competición ligueira e, a veces, a Copa Federación.
A máxima categoría autonómica xa pasou o ecuador fai dúas xornadas e déixanos coma líder destacado ó Rácing. Os ferroláns van primeiros (51 puntos a oito do segundo) e con tódalas trazas de xogar o playoff, salvo catástrofe, claro. Os goles de Jorge Rodríguez e Manu Barreiro (doce cadanseu e a metade dos do equipo) son claves no éxito do club departamental. Nos verdes tampouco pasa desapercibida a tempada do mediapunta ferrolán Pablo Rey, que ademais leva sete goles. Aira conta cun moi bo once aínda que o plantel pódeselle quedar curto para a segunda volta. Aínda así, o Rácing semella (ó igual co filial celeste) un punto por riba dos demais.
A trece puntos, terceira, sitúase a SD Compostela. A cal tentará o seu segundo ascenso consecutivo e así acadar a ansiada categoría de bronce. O Compos conta co máximo goleador do grupo (Joselu, 21 tantos, líder destacado) e o Zamora (Adrián, cun 0,85 de promedio).
Entre eses dous clubs atópase o filial do Celta, cinco puntos por riba do Compos, non están mal clasificados aínda que a veces se esperaba un desempeño maior dos xogadores do último chanzo da Madroa. Coa baixa recente de Johnny (sobe ó primeiro equipo) xogadores coma Rubén ou Añón agardan oportunidade. Santi Mina, a nova perla do xuvenil e do fútbol galego, acaba de subir ó filial.
Na cuarta posición, temos ó Fabril, o filial do Dépor, que tenta loitar pola clasificación ó playoff que se lle escapou a temporada pasada. Moi pegado ó Compostela, ten por detrás, preto, o Cerceda (en horas baixas comparado con tempadas pasadas), Somozas e todo un clásico do noso fútbol coma é o Pontevedra. Nos rapaces de José Luís Devesa están a acaparar tódolos focos o defensa Pablo Insua e centrocampista portugués Teles.
Na parte baixa continua, de seguir así, a desfeita do fútbol pontevedrés. A tempada pasada baixaron catro clubs desta provincia e agora temos a dous no descenso (Vilalonga e Céltiga). Os representantes son seis agora, por un ourensán e outro de Lugo. Os doce restantes son coruñeses, provincia dominadora da categoría. En descenso tamén están o Narón BP e o Bergantiños. Moi preto deles hai unha ampla nómina de equipos na que se atopa o subcampión do ano pasado (Alondras, a oito puntos) e o outro dos destacados no 2012: o Rácing Vilalbés, a catro.
Remata aquí este breve repaso da Terceira. Noutra quenda xa nos deteremos máis na análise dos equipos. Especialmente cos da parte baixa e media, dos que hoxe apenas falamos.

